Thursday 02 de May de 2024

Comeza o Foro Xuventude en Movemento organizado conxuntamente pola Deputación e a Universidade da Coruña


Participarán empresas e entidades, algunhas delas postas en marcha por ex alumnos da UDC

O Foro Xuventude en Movemento organizado por terceiro ano consecutivo por Europe Direct –o centro de información europeo dependente da Deputación– e a Universidade da Coruña comeza co obxectivo de favorecer a formación e o emprego entre a xente nova.

O foro, que se celebrará na facultade de Economía e Empresa (campus de Elviña) durante o martes e mércores, será inaugurado pola vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, o reitor da Universidade, Xosé Luís Armesto, e a directora de Europe Direct, Amparo Taboada. Estarán tamén acompañados da vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura, María Josefa Martínez e o decano da facultade de Economía e Empresa, Anxo Calvo Silvosa.

O centro educativo xa está decorado para a ocasión, e nestes dous días se reunirá todas as activades de formación e información que poden interesar aos universitarios e aos xa titulados. Os participantes aprenderán, por exemplo, a enfrontarse a unha entrevista de traballo, a vender a súa imaxe e coñecerán diferentes ferramentas para a busca de emprego e bolsas tanto en España coma no resto de Europa.

Ademais, nas sesións tamén se coñecerán experiencias persoais como a do humorista Xosé Antonio Touriñán, ex alumno da UDC; e a de Anxo Pérez, galego que traballou como tradutor de Barack Obama e do FBI, entre outros datos destacados do seu currículo.

Entre as empresas e entidades participantes no foro (Reganosa, Bricolans, INTAF, Dirección Xeral de Traballo, Fundación Galicia Europa, Fundación Barrié de la Maza…) destacan tres negocios postos en marcha tamén por ex alumnos da UDC: Colada Fácil, empresa de lavandería que busca reponsable de zona; Trileuco, de servizos informáticos; e Sinergias, unha iniciativa de intervención social especializada na igualdade de xénero.

Iniciativa europea
Este foro nace da iniciativa europea Xuventude en Movemento, un paquete de iniciativas de educación e emprego dirixido a xoves e que dende 2012 forma parte da estratexia Europa 2020 para un crecemento intelixente, sostible e integrador.

Este obxectivo coincide plenamente coas peticións de información que recibe Europe Direct na Coruña. A inserción laboral sitúase entre as principais demandas dos usuarios do centro xunto ao movemento por outros países.